xoves, 28 de marzo de 2019

AS CRÓNICAS DOS NOS@S ADESTRADO@S


AS CRÓNICAS DOS NOS@S ADESTRADOR@S

BABYBASKET

Por Chechu

Magnífica xornada de babybasket a desenvolvida no pavillón Alonso Rodríguez de Noia. As nosas nenas e nenos gozaron de dous encontros, ante Cluny e Compañía de María, nos que puideron amosar todas as melloras que practican nos adestramentos. Un xogo moi fluído con pases e carreiras permitiu que todas e todos participaran e competiran.

Xogaron: Jîyan, Roi, Airas, Arume, Javi, Nico, Nuria, Iago, Hugo e Gonzalo.




PREMINI

Pellets Vagalume Brión CBPS: 56 | A.D. Fontiñas: 47

Por Chechu
Competido o partido xogado á primeira hora do sábado polos lobos de Brión no pavillón do Restollal. Malia un comezo con dúbidas, as nenas e nenos souberon tomar o control do encontro. Os primeiros catro períodos foron igualados pero no quinto e sexto a defensa dos brionenses foi un muro para os da capital. Segue a mellora dos equipo que vai camiño de acabar a tempada nunha posición moi meritoria.

Xogaron: Sofía, Iria, Hugo, Manu, Noa, Jeni, Martiño, Dani, Arume e Xabi.



EBM Ames Bertamiráns: 43 | EB Negreira CBPS: 46

Por Andrea
Saíron os rapaces nicrarienses á cancha contra os veciños do val da Mahía e, a pesar de perder de dous no primeiro período, no segundo e no terceiro deixaron atrás ao equipo contrario con moitos puntos de diferenza grazas aos pases para mover o balón e facer sitio para acabar os tiros sós.
No cuarto e no quinto período cambiaron as tornas, coma no primeiro tempo, perdendo balóns por moitos pases mal executados e tiros sen mirar ao aro.
O último período foi o máis intenso, cun empate a catro, grazas ás defensas dos dous equipos e aos tiros non acertados.
Estiveron moi ben os pases a unha man nalgunhas ocasións, os reversos para irse dos defensores e as entradas e tiros practicados nos adestramentos. O que falta é calma nos momentos intensos para evitar eses pases que son roubados polas defensas e ter menos despistes á hora de buscar o rebote despois dun tiro.

Ánimo rapaces/as, a seguir traballando!!!
Xogaron: Ana, Sophia, Miguel, Barbeira, Quintáns, Paula, Álvaro, Carmen, Amaya e Nico.




Restaurante Portofino CBPS: 51 | Galogrín: 29

Por Beiro
Intenso partido o disputado na calorosa mañá do último sábado de inverno. Acudían os sonenses coas baixas de Elba, Noelia e os irmáns Hall. O partido foi un cara a cara moi discutido e igualado durante os tres primeiros cuartos nos que nos penalizou unha mala defensa e as moitas opcións de tiro que tiñan os santiagueses debido ao mal que pechabamos o rebote.

Foi no cuarto período no que, liderados por un destacado Iago Fernández (e non me gusta salientar as individualidades), os sonenses acadaron unha vantaxe entorno aos 20 puntos que xa foi definitiva.

Nos dous últimos períodos pechouse o aro para os dous equipos e moveuse pouco o marcador.
A destacar que dos oito xogadores que participaron, sete foron capaces de anotar.
Xogaron: Iker, Mauro, Dani, Iago, Óscar, Lucas, Brais e José.



MINI FEMININO

Tradigas Prodemar CBPS: 35 | CLUNY: 15

Por David

Regresou á senda da vitoria o Tradigas-Procesados Portosín que se mostrou superior ao Cluny durante todo o partido. A nivel defensivo, a consigna de que non nos superaran foi cumprida notablemente e, por varias veces, as santiaguesas non foron quen de lanzar nos 24 segundos.

En ataque fomos capaces de compartir máis o balón que noutros partidos aínda que é mellorable o xogo neste aspecto. Destacar a melloría das rapazas premini e das que comezaron este ano.

O resultado (35 - 15) mantennos na pelexa pola Liga.

Xogaron: Lucía, Xiana, Ana, Iría, Marcela e Lía e as preminis Aitana, Paula e Ana.




MINI MASCULINO

We Robots - Larpeiradas: 34 | Obradoiro: 51

Por Alex
Partido complicado esta fin de semana no que os dous equipos pelexaban polo segundo posto. Unha semana máis, o partido foi moi intermitente cun segundo cuarto pésimo que fixo que o Obradoiro collese unha vantaxe que nos foi imposible remontar. Aínda así, o equipo nunca baixou os brazos e seguiu intentándoo durante todo o encontro.

O equipo sabe facer cousas moi ben: cortes xerando vantaxe, rápidos contraataques e bos 1x1. Agora toca traballar e mellorar outros aspectos como o balance defensivo e ser máis duros no rebote.

Moi orgulloso duns nenos que fan que un equipo como o Obradoiro teña que subir preminis para poder plantarlles cara. Que sorte teñen os nosos nenos de saber que sempre van xogar sexa quen sexa o rival!!!
Xogaron: Martiño, Lucas, Celso, Dani, Samu, Álvaro, Roi, Alex e Lois.




Bertamiráns: 58 | Escolas Brión-Lousame-Negreira CBPS: 8

Por Mozan

As Escolas de Baloncesto Brión-Lousame-Negreira CBPS xogaron un novo partido no que foron quen de levar á práctica bastantes accións técnicas que, pouco a pouco, van interiorizando como propias: cambios de man e de ritmo executados cada vez de maneira máis instintiva e rápida; pases sen agarrar o balón tamén coma se fosen actos reflexos e máis detalles que fan que cada dia os nosos noveis xogadores o pasen mellor xogando e competindo.

Temos que conseguir, iso si, emparellarnos antes cos nosos pares e comunicarnos máis para logralo rapidamente. Pero coma moitas cousas máis, imos logralo seguro máis cedo que tarde.

Xogaron: Ángela, Adrián, Nacho, Dani, Pedro, Agit, Alex e Egit.




PREINFANTIL FEMININO

Excavaciones Darío Bodegón O Pescador CBPS: 37 | Clínical Dental Romeo Seis do Nadal: 52


Por Forés

As nosas rapazas do Excavaciones Darío Bodegón O Pescador CBPS chegaban nesta maña de domingo con ganas de facer un bo partido ante un rival que estaba na mesma posición na clasificación. Para este partido contábase coa baixa de Candela e sumábase a de Marta, pero incorporábase Carla que levaba de baixa varias semanas e xa estaba plenamente recuperada.

O partido xa empezou mal, coas visitantes dominando o encontro de maneira doada e as nosas rapazas sen poder responder en ningún lado do campo. Cun 4 a 13, no primeiro período, xa se intuía o que ía pasar. O resto do partido foi un quero pero non podo ante un rival que xestionou ben as rendas.

Ás nosas rapazas, fundidas fisicamente xa antes de empezar o partido, non podían competir en ningún momento aínda que o intentaban, pero cando o corpo non responde... o único é agardar que non teñamos máis lesionadas. Neste partido torceu o nocello Paula Fernández, unha lesionada máis na listaxe da enfermería aínda que esta vez foi por torcedura, non por sobrecarga.

Esta semana tocará, outra volta, recuperación (como xa levamos meses), agardando recuperar fisicamente a algunha.

Parabéns polo esforzo!!!

Xogaron: Carla, Noa, Paula Castro, Paula Fernández, Iria, Lucía, Sara, María e Cris, acompañadas no banco por Candela e Marta.




INFANTIL MASCULINO

Obradoiro: 71 | Paco's Moda Garaje Xuño: 43

Por Juan
Que gusto dá perder cando na pista intentas facer todo o que sabes, corrixes erros e te esforzas ao máximo. Os rapaces do infantil, coas baixas de Henok e Jaime, realizaron un formidable encontro. O Obradoiro superounos en poderío físico sobre todo ao principio do partido tendo moitas opcións para anotar.

Os rapaces do Paco's Moda Garaje Xuño foron corrixindo o rebote defensivo e foron capaces de sacar contraataques con orde e sentido.

En ataque estático, o equipo chegaba a xerar situacións de 1x1 pero era difícil finalizar coa defensa de axudas do Obradoiro que nos concedía tiros dende o triplo.

En resumo, un grande encontro con verdadeiras accións de lectura de xogo de moito mérito para a idade, así como un gran repertorio de técnica e táctica individual. Este é o camiño a seguir para formarse coma xogadores.

Xogaron : Manu, Manuel, Roi (mini ), Alex (mini), Leo, Hugo, Samu (mini) e Pablo.




Pellets Vagalume Brión CBPS: 45 | Cluny: 70

Por Mozan

O equipo infantil Brión CBPS, tras unha mañá ateigada de novas e enriquecedoras experiencias no Pazo dos Deportes de Lugo vendo o partido disputado polo Breogán e mais o Fuenlabrada, saían á pista a disputar un novo encontro diante do equipo mixto do Cluny.

A consigna principal era a de seguir gozando do día e do baloncesto e así o fixeron. Cada vez os xogadores teñen mais confianza nos seus recursos e son quen de aplicalos no xogo con máis destreza e eficacia. O xogo sen balón, ás veces, castiga perfectamente ás defensas rivais, aderezado ademais con pases moi meritorios. 

Destacar a estrea dun novo xogador, Lucas, que tras un primeiro minuto de dúbida, coma no podía ser de outra maneira, enseguida se soltou e amosouse coma un xogador valente e decidido. Benvido ao Club!!!

Xogaron: Hugo, Lucas, Abel, Alvaro, Carlos, Mateo, Miguel, Pablo, Jaime e Unay, 




INFANTIL FEMININO

Compañía de María: 55 | Pescados Bormar CBPS: 36

Por Mozan

O Pescados Bormar CBPS foi quen de xogar un moi bo partido diante dun dos equipos mais fortes da competición e só as faltas persoais e a descualificación de dúas xogadoras foron determinantes nunha diferenza final que, en absoluto, reflicte o que foi o encontro. A falta de 6 minutos para o remate, o noso equipo mandaba no marcador por un punto de diferenza.

Excelente actitude de todas as nosas xogadoras. Unha vez máis foi unha gran satisfacción ver como aquelas que menos tempo levan xogando se atreven a intentar moitas e novas cousas na pista.
Xogaron: Marcela, Lia, Iría, María, Raquel, Nuria, Noa, Noa Filgueira e Paula.




CADETE MASCULINO

Ensinanza: 53 | Tiendas Pillados Parrillada A Nosa Ría CBPS: 58

Por Juan

Horroroso encontro do Tiendas Pillados A Nosa Ría para rematar a fase grupos como campión invicto diante dun Ensinanza que mereceu a vitoria. Os santiagueses mandaron no marcador de inicio a fin, exceptuando os dous últimos minutos.

Podemos dicir que sobre a pista só un xogador noso estivo con 5 sentidos no encontro. Erramos entradas sen oposición, pases sen mirar, malas seleccións de tiro e un fardel de erros defensivos. Se a todo iso sumamos a falta de actitude, o resultado é que non nos divertimos.

O éxito dos deportes colectivos está no adestramento e levamos moitas semanas sen adestrar ben nin todos xuntos e isto tradúcese na pista durante os partidos.

Na próxima fin de semana o equipo xoga as semifinais. O gañador conseguirá unha praza na fase de ascenso. Toca traballar moi duro esta semana para intentar facerse cun oco na fase de ascenso. Visto o encontro pasado non será doado.

Xogaron: Denis, Fran, Manuel, Isaac, Andrés, Abel, Martín, Noel e Isma.




CADETE FEMININO

Cluny: 34 | RÓTULOS AGEITOS CBPS: 43

Por Jose

Visita das cadetes sonenses á capital para xogar a volta contra Cluny. As nosas xogadoras arrincaron cun bo inicio e un 0 a 10 nos cinco minutos iniciais. Tras esta posta en escena, veu o primeiro apagón e acabou o cuarto sen unha canastra máis.
No segundo tempo, a mala racha continuou con moi pésimas decisións en ataque, pases precipitados, malas colocacións e pouco sentido de equipo. Na defensa, lentas no balance, permitindo canastras fáciles de transición ao equipo escolar. Resultado empate a 18 e caras de circunstancias.
Tras o descanso e o paso polo vestiario, as do CBPS, cunhas bravísimas preinfantís que por momentos eran as que levaban o peso do partido e tomaban as decisións máis importantes, acadaron unha vantaxe que sería definitiva xa que, no último cuarto, volveron as imprecisións e os erros de cara ao aro.

Non sabemos xogar co marcador, se somos poucas xogadoras e imos por diante temos que contemporizar e gardar forzas, non correr para fallar en ataque e pagalo cunha canastra en contra por non chegar a defender. Iremos aprendendo pouco a pouco como cando toca coller rebotes —que no inicio do encontro non había maneira—, algo que fomos mellorando na parte final aínda que é unha materia pendente.
Cabe destacar o espírito de equipo das xogadoras que estando lesionadas, enfermas e con dor fixeron o esforzo de xogar e achegar o seu grao de area á vitoria. Parabéns!!!
Xogaron: Uxía, Mariña, Antía, Carla, Sabela, Martina, Noa F., Andrea e Valeria, ademáis das preinfantís María, Noa I. e Paula.




Pero esto non foi todo. Imaxes da viaxe a Lugo para ver ao Breogán. Moitas grazas ao club lucense polas facilidades amosadas.