AS CRÓNICAS DOS NOSOS ADESTRADORES.
CADETE MASCULINO
A Cantina do Liceo: 29 | Tendas Pillados - Parrillada A Nosa Ría CBPS: 90
Nova vitoria do equipo cadetes pese a ausencia de Henok e Manu e a falta de ritmo debido aos poucos adestramentos realizados tras as vacacións de Entroido.
Podemos diferenciar dous encontros dentro dun mesmo. Ata o descanso, cun rival que quixo competir e defender (defensa individual dentro do triplo) e, despois do descanso, cun rival que era semellante a atacar obstáculos inmóbiles na pista dentro do tiro libre.
O equipo practicou moito o tiro de 3 puntos sen oposición e, nalgún intre do encontro, atacou pero só nos últimos segundos de posesión para darlle algo ao xogo —case adestramento— á aparencia dun encontro.A nivel defensivo o equipo estivo moi ben. As canastras en contra chegaron máis polo noso risco defensivo que por méritos do rival.A mágoa do encontro foi que Marcos, novo no equipo, se mancou no quencemento.
Xogaron: Andrés, Abel, Fran, Pinaya, Denis, Noel, Isaac, Isma, Marcos e Martín.
Por Juan.
CADETE FEMININO
Elidente Rianxo: 22 | Rótulos Ageitos CBPS: 35
Outro partido para esquecer, cunha primeira metade na que as sonenses non tiñan as ideas claras e non eran quen de atacar a canastra rianxeira con vantaxe, coa defensa colocada, e abusando do tiro exterior. Daba a sensación de que o partido ía decantarse polo lado das locais, que pouco a pouco daban a sensación de mandar no xogo e se viñan arriba meténdose nun partido no que non deberíamos ter sufrido tanto.
Na segunda metade, as sonenses, xa sen Valeria dende o primeiro cuarto por unha escordadura no nocello, aplicáronse en defensa e malia seguir con moitos erros en canastras sinxelas conseguiron a vitoria que ao fin e ao cabo era o obxectivo para poder seguir na loita pola clasificación.
O peor foi que a enfermaría segue chea e aumentando, Valeria e Andrea súmanse ás baixas de Mariña, Martina e Sabela que non aínda non recuperaron. Imos ter que meter en nómina a algún curandeiro.
Xogaron: Antía, Carla, Sabela, Carmen, Noa, Andrea, Valeria e debutou Nuria
Por Jose.
PREINFANTIL FEMININO
Excavaciones Darío - Bodegón O Pescador CBPS: 49 | Compañía de María de Vigo: 57
Presentábase ante os seus seareiros o Excavaciones Darío - Bodegón O Pescador CBPS na segunda fase da competición na que xogan os 8 mellores equipos de Galicia da categoría. Para este partido contábase coa baixa da tripla C (Carla, Candela e Cris) por lesións e de Paula Fernández por asuntos familiares. Ademais varias xogadoras arrastraban problemas físicos e non adestraron en 10 días polo que se tivo que convocar, á última hora, para axudar o equipo á xogadora mini de primeiro ano Lía que acompañou ás outras minis habituais Lucía e Iria (ademais da lesionada Candela).
O partido empezou moi ben para as nosas rapazas que saíron moi metidas no partido. Con boas defensas e cun ataque buscando sempre a mellor opción para anotar. Nese período de claro dominio local chegouse ao final cun 17-12.
No segundo período, as visitantes imprimiron máis ritmo ao xogo e os problemas das locais aumentaron coa baixa de María. Un mareo faría que abandonase o partido e non puidese volver xogar ata mediados do terceiro período. Nel, pese a intentalo, o equipo visitante fixo un parcial de 6 a 18 para chegar o descanso vencendo por 23 a 30, quedando por diante medio partido por xogar!!!
Tras o descanso, e despois de recuperar enerxías, o Excavaciones Darío - Bodegón O Pescador CBPS saíu con moitas gañas de competir e demostrar a razón de estar entre os 8 mellores equipos. Cunha boa defensa e bos ataques metéronse no partido cun parcial de 16 a 12 e 10 minutos por xogar por diante.
Mais coma lembra o dito, «a can fraco todo son pulgas» e algo malo tiña que pasar. Neste caso foi que Marta non puido seguir por dores no pé o que unido a que o equipo xa estaba fisicamente baixo mínimos nos impediu competir de xeito que o equipo visitante gañou neste período por 10 a 15 e finalizar o encontro co definitivo 49-57.
Malia a derrota podemos estar moi contentos polo traballo do equipo. Un conxunto que sempre se sacrifica, mais é unha pena que cheguen ao momento decisivo da tempada cangados con tantos problemas físicos que nos impiden adestrar con normalidade, algo que se acaba notando logo nos partidos.
Agora queda recuperarse para seguir traballando.
Xogaron: Noa, Paula Castro, María, Marta, Sara, Lucía, Iria e Lía.
Por Forés
INFANTIL MASCULINO
Disteva Rianxo: 59 | Paco´s Moda - Garaje Xuño CBPS: 68
O Paco´s Moda - Garaje Xuño CBPS disputo de non mais de 10 minutos dos 40 que dura o encontro. Os 5 primeiros, nos que a claridade de ideas tanto en ataque coma en defensa nos permitiu lograr un parcial de 2 a 12 para, a partir dese intre, esquecernos de xogar ao baloncesto que propoñemos, excepto en acciones moi puntuais. A defensa do rival conseguiu descentrarnos completamente do noso xogo e abusamos do lanzamento exterior, aínda que a maioría das veces non cabía outra cousa que facer.
Non estaría mal nestas categorías sancionar os tres segundos defensivos como sucede na NBA. Non obstante iso non e motivo para que non xoguemos con moita mais actividade e agresividade do que o fixemos. Competir precisa de que así sexa .
Esperemos ter aprendido a lección e que non volva repetirse esa falta de intensidade na pista e que este «pequeno borrón» non empardeza en absoluto a boa tempada dos nosos xogadores xa que o normal é que fan todo o contrario o visto no pavillón de Rianxo.
Xogaron: Samu, Leo, Pablo, Hugo, Jaime, Manuel, Manu, e Henok.
Por Mozan
Paco´s Moda - Garaje Xuño CBPS: 27 | Compañía de María Santiago: 73
O Paco´s Moda - Garaje Xuño CBPS afrontaba o partido contra un rival co que sempre é un pracer medirse. A súaa actitude no campo, o que transmiten en todos os sentidos é un exemplo a seguir. Os nosos rapaces fixeron todo o que puideron, que por momento foi moito, e foron quen de levar a cabo algunhas accións de gran mérito, tanto en ataque coma en defensa. Nada que reprochar, portáronse coma uns valentes. Un bo pase o unha boa porta atrás fronte a xogadores da entidade dos rivais vale o seu peso en oro, ou mais, e fomos quen de conseguilo algunha que outra vez.
E así transcorreu o encontro: facendo e aprendendo, facendo e aprendendo
Xogaron: Samu, Leo, Manu, Jaime, Pablo, Hugo, Henok, Manuel.
Por Mozan
Ames: 66 | Brión CBPS: 16
O equipo Infantil do Brión CBPS continúa con seu proceso de aprendizaxe a marchas forzadas. Hai que dicir que ten un gran mérito o que fan os nosos xogadores en cada partido que disputan, xa que teñen que enfrontarse a un sen fin de situacións totalmente novas para eles ao ser esta a súa primeira tempada xogando e tamén porque durante os adestramentos é imposible darlle cabida a todas as novas situacións de xogo.
Por tanto, cada vez que responden dá forma correcta a algunha desas situacións non cabe outra que felicitalos como merecen e esbozar un leve sorriso de satisfacción.
Nisto andamos e niso seguiremos sempre coa cabeza ben alta
Xogaron: Unai, Jaime, Hugo, Miguel, Carlos, Mateo, Álvaro e Pablo
Por Mozan
INFANTIL FEMININO
Pescados Bomar CBPS: 46 | Peleteiro C: 51
O equipo infantil Pescados Bomar CBPS: 46 volveu facer na pista todo un exercicio de desexo e esforzo para competir co seu rival colexial. Non sabería se dicir, e estar no certo, que ver no campo as xogadoras «sufrindo» pola diferencia física coas rivais, polo esgotamento, polas dores... é motivo de orgullo, pero creo que para a maioría de nós si que o é.
Xogadoras que cando todo esta case que perdido aínda sacan forzas de onde non se sabe para dar un último arreón e meterlle un pouco o medo no corpo o rival, xusto vencedor, tamén é un motivo de orgullo.
Polo tanto, os vosos adestradores e os seareiros están moi contentos co voso quefacer na pista, co compromiso dunhas coas outras e de como os axudades, sen reproches, e todas a una.
Non cambiedes nunca, raparigas.
Xogaron: Lía, Marcela, Xiana, Lucia, Iria, Nuria, María, Raquel, Paula, Noa.
Por Mozan.
MINIBASKET
We Robots - Larpeiradas: 45 | Galogrín: 34
Partido moi igualado. Ao inicio do terceiro período, a diferenza era de tan só un punto. Foi nese cuarto no que conseguimos unha vantaxe de once puntos grazas a que aumentamos a intensidade defensiva e fixemos rápidos contraataques.
Non obstante, un quinto período moi frouxo fixo que o equipo visitante se puxera a tan só dous puntos. Tocaba volver empezar. E así foi, recuperamos as boas sensacións do terceiro período e recuperamos a vantaxe no marcador, rematando o partido once puntos por enriba. Bo partido dos nosos nenos!!!
A anotación foi de gran mérito pola cantidade de bandexas anotadas a unha man dende o bote, despois de dous ou tres pases buscando á compañeira ou compañeiro mellor colocado.
En definitiva, sorrisos que non cabían nas facianas dos e das nicrarienses que van collendo unha identidade como equipo e que cando conectan fan un bo baloncesto.
Xogaron: Celso, Dani, Álvaro, Óscar, Lucas. Lois, Alexo, Alex e Samu.
Por Alex
Cluny: 58 | Escolas Brión Lousame - Negreira CBPS: 23
Novo encontro para as Escolas Brión Lousame - Negreira CBPS diante do Cluny. Continuamos aprendendo a emparellarnos rápido na defensa e a tratar de ser mais constantes cada quen co seu home, sen que ninguén axude. Iso na defensa. No ataque, a grande insistencia é cambiar o ritmo e a velocidade co balón e sen el, ademais de separarnos entre nos.
Pouco a pouco imos conseguido iso e que todo o mundo se atreva a facer cousas co balón nas súas mans.
Xogaron: Sofía, Ángela, Dani, Pedro, Nacho, Adrián, Martín, Oscar, Alejandro e Egit.
Por Mozan.
MINIBASKET FEMININO
Tradigas - Procesados Portosin: 39 | Mimela EDM A Estrada: 18.
Nova vitoria do Tradigas - Procesados Portosin que chegaba con baixas e con varias xogadoras con molestias polo que 3 preminis tiveron que reforzar o equipo para cubrir o mínimo de 9. As rivais tamén contaban con varias baixas e só presentaron 7 xogadoras polo que partido xa estaba gañado. Así que o importante era non sufrir novas baixas.
Os dous primeiros períodos foron igualados pero pouco a pouco as estradenses foron acusando o esforzo e as diferenzas foron aumentando no marcador ata chegar ao 39-18 final.
Xogaron: Lucía, Xiana, Ana, Iria, Marcela, Lía e as preminis Paula, Ana e Carmen que debutaba.
Por David.
PREMINIBASKET
ADB Fontiñas: 46 | EB Negreira CBPS: 75
Por unha vez aos rapaces e rapazas da comarca do Barcala sentoulles ben madrugar e presentáronse na capital moi despertos e con fame de canastras. Ademais un día despois do Día da Muller, as nosas rapazas foron as que levaron o peso do partido e quen fixeron o mellor xogo.
De saída acadouse un bo marcador xa que as rapazas estaban enchufadas asinando un parcial de 10 a 16 ao noso favor. Era a quenda dos rapaces, os dous combinados máis fortes dos dous equipos e a anotación quedou en 8 para cada banquiño.
No seguinte tempo, outra vez as rapazas mandando no xogo e os rapaces lograban un novo empate no cuarto período.
O quinto e o sexto tamén se decantou para os do CBPS, con máis de dez puntos anotados, a nosa maior anotación en todos os partidos xogados. Todo grazas a un gran traballo en equipo, con moi boas defensas individuais e axudas cando os atacantes santiagueses escapaban as súas marcas.
Contraataques dende o noso campo con pases longos a xogadores e xogadoras nosas colocadas no campo contrario sen marca, permitiron conseguir canastras sinxelas e desenvolver un gran xogo en equipo.
Un gustazo!!! Seguiremos traballando.
Xogaron: Ana, Miguel, H. Barbeira, H. Quintáns, Paula, Carmen, Sophia, Álvaro e Nico.
Por Jose.
Restaurante Portofino CBPS: 67 | San Pelayo: 16
Bo partido o disputado polos premini do Restaurante Portofino CBPS na matinal do sábado no pavillón do Restollal. Acudían os sonenses cas baixas de Brais, Elba e Dani polo que se completou a convocatoria con dous babys das Escolas —Aldán e Nico— que tiveron unha destacada actuación.
Comezaron fríos os sonenses nunha tónica que xa é habitual, custándonos entrar no xogo. Pasados uns minutos foron meténdose no partido todos os xogadores, apertando en defensa, roubando balóns para anotar canastras sen oposición, etc.
A partir do cuarto período mesmo puideron verse xogadas nas que os catro xogadores do Restaurante Portofino CBPS na cancha compartían o balón ata atopar unha situación máis doada de tiro, de igual forma houbo unha melloría no rebote non dando tantas opcións de tiro aos rivais.
Pouco a pouco vaise mellorando en todas as facetas de xogo no longo percorrido como xogadores que aínda están comezando.
Xogaron: Oscar, Lucas, Iker, Mauro, Iago, Jose, Aldán e Nico.
Por Beiro.
Brión CBPS: 18 | Milladoiro: 29
Gran traballo o dos Lobos de Brión este sábado contra o líder da clasificación, o Milladoiro. Moi bo xogo que fixo que o partido fóra igualado en case todos os períodos.
Realmente a mellora dos xogadores e das xogadoras deste equipo é impresionante e de seguro que seguirán cara adiante. 29-18 ao final do partido.
Xogaron: Sofía, Arume, Noa, Ainhoa R., Iria, Jeni, Martiño, Hugo, Xabi, e Manu.
Por Chechu.