Tras 4 partidos intensos é hora de recopilar que tal foi esta nova experiencia.
CADETE FEMININO
Fase de ascenso á Liga Galega
Pola adestradora e debutante no teclado Rut Alfonsín.
APRENDIZAXE
O cadete feminino do Rótulos Ageitos CBPS non esquecerá nunca a fase de ascenso á Liga Galega que disputou este mes de setembro do 2018. Foi unha auténtica satisfacción poder medirnos e compartir cancha con equipos da categoría profesional e humana como Culleredo, Seis do Nadal, Marín e Allariz. Unha experiencia da que aprendemos moitas cousas.
Fin a esta fase. Fin a unha etapa e comezo de outra moi distinta.
Durante a tempada pasada o cadete traballou duro para conseguir estar a altura de competir contra equipos de 1ª categoría no basket galego.
Loitaron, sufriron, desfrutaron, pero, por riba de todo, aprenderon moito durante toda esta etapa. Agora toca seguir atacando novos retos, que afrontaremos con moitas ganas e ilusión.
Traballar, esforzarse e non renderse nunca e o que debemos facer nas pistas e tamén nas nosas vidas.
A seguir mellorando e superándonos.
Xogaron : Carmen , Carla Maneiro , Rut , Andrea, Sabela , Valeria , Martina , Mariña , Xiana , Noa e Carla Vidal .
CADETE MASCULINO
Fase de ascenso á Liga Galega.
Polo adestrador axudante Bule.
O DETALLE
Perder por un punto pode que sexa a cousa máis cruel do baloncesto. Que é perder por un punto? Un tiro que se sae, un balón perdido, un rebote concedido, un pase mal medido, unha falta inocente, un... un... un nada, un detalle do minuto un, dez, corenta. Pero sobre todo, un terrible sentimento de frustración por ter todo e acabar sen nada.
Un punto foi o que lle deu ao COB Ourense a vitoria sobre os nosos cadetes de A Nosa Ría CBPS na mítica cancha do Paco Paz de Ourense para debutar a liguilla. Unha liguilla onde 6 de 10 partidos remataron con vantaxes de menos de 5 puntos. Unha liguilla onde só 1 só partido rematou cunha vitoria de 20 puntos, a dos nosos rapaces na derradeira xornada contra o Ensino de Lugo. Vitoria coral, vitoria dun grupo que foi de menos a máis, un grupo que nunca renunciou a xogar ao baloncesto, sen trampa nin cartón. Pero vitoria inútil en termos contables, o bacallau estaba vendido. Este grupo volvía a quedar fóra dunha liga galega por un detalle. Como hai dous anos e aquel cuarto maldito de Culleredo, o único cuarto perdido da tempada regular. Un mal momento, un detalle. Un nada.
No medio queda a meritoria vitoria no Barco de Valdeorras, resarcíndose da derrota por 30 que sufriron a maioría destes rapaces nesta mesma pista hai 2 anos. E que mostra a cantidade de camiño percorrido pero este grupo nese tempo.
Tamén queda polo camiña esa cruel derrota fronte ao Burela, en casa, nun partido bronco, ese tipo de partidos que se sitúan no lado escuro do baloncesto pero que hai que saber xestionar. Se Ourense foi a tumba do ascenso directo, esta derrota da xornada 2 selou a posibilidade de xogarse todo a unha carta contra outro vello coñecido, o CB Narón.
Entón, que nos queda? Moito. Esta foi unha viaxe iniciática que emprendemos xuntos. Porque xuntos somos máis equipo, máis baloncestistas, máis compañeiros, máis humanos. E ser humano fai que sintamos unha enorme tristeza por ese tiro, esa perda, ese rebote, ese pase, esa falta. Pero ser equipo fai que, xuntos, nos erguemos para seguir o noso camiño. Esta viaxe 2018-2019 tan só acaba de empezar. Agárrense que imos xogar ao baloncesto.
Xogaron: Isma, Noel, Abel, Andrés, Fran, Pinaya, Victor, Isaac, Martín, Manu, Henok e Franco. coa axuda nos adestramentos do ribeirense sen ficha (aínda) Denís.