luns, 21 de novembro de 2016

Vencendo as ausencias

⁠⁠⁠Senior 3 División B Masculina
C.B. Ames 41 - Tiendas Pillados CBPS 45

Polo adestrador Juan Trillo, Chi
 
O TIENDAS PILLADOS CBPS chegaba ao partido Ames coas baixas de Maki e Chi e dun Juanto Lobeto que cambiou o seu rol de xogador polo de adestrador en funcións.

Os verdes sairon á pista con gañas de conseguir a victoria, pero envoltos no caos defensivo e atacante visto nos últimos partidos.
As cousas non acababan de saír de todo ben, e á pelota custáballe entrar polo aro, pero, por sorte, os rivais tampouco estaban moi acertados, creando unha dinámica que se vería durante todo o encontro.

No segundo cuarto o Tiendas Pillados CBPS conseguiu abrir unha brecha na defensa local, chegando a facer un parcial de 0-8, pero que os rivais contrarrestaron con outro parcial 2-8, para chegar ao descanso cun marcador 20-19.

Tralo descanso volveu a intensidade, a loita por cada balón e os roubos, pero o acerto nos tiros seguía sendo outro lado da moeda e os fallos defensivos daban máis oportunidades das merecidas aos rivais. Sen embargo, volveunos visitar o acerto dende a liña dos tiros libres con 6 de 8 intentos para anotar deste xeito o 50% dos puntos do cuarto e poder seguir a estela dos rivais a só 3 puntos.

Co último cuarto volveu o caos. Os ataques atascábanse coa defensa zonal dos locais mentres que a defensa dos nosos permitía segundas accións máis doadas das que se deben conceder, ampliando así a diferencia a 8 puntos. Aínda así, nese descontrol, unha tripla de Fernán dou esperanzas ao conxunto sonense.

Logo dun tempo morto pedido por Juanto, a falta de 3 minutos, empezou unha fase anárquica na que a presión defensiva dos sonenses e o cambio de sistema defensivo do rival favoreceu as recuperacións de balón e as penetracións a canastra dos nosos, con especial mención para os xuvenís, que serviu para voltear o marcador. No aspecto defensivo, Rubén foi fundamental para cortar as últimas opcións e esperanzas do ataque rival, confirmando a vitoria do TIENDAS PILLADOS CBPS nesta difícil cancha, nestas difíciles circunstancias.

Parciais: 12-9 / 8-10 / 14-12 / 7-14

Xogaron: Alex, Beny, Sergio, David, Rubén, Carlos e Juan Mariño.
Xuvenís: Fernan, Manu Castelao e Baloko.