luns, 17 de outubro de 2016

UNHA VITORIA PARA EMPEZAR

Fai que os adversarios vexan como extraordinario o que é ordinario para ti; fai que vexan como ordinario o que é extraordinario para ti. - Sun Tzu, O Arte da Guerra.

Chegaba o Tiendas Pillados CBPS de Juan Filgueiras a este inicio de tempada 2016/17 con moitas incógnitas que resolver; xente de sempre, xente nova, xente xove, xente que xa non estaba, incluso xubilados (feliz xubilación, Pou e Bule) e un mundo novo por descubrir. Se por riba Juan e Maki non se visten por lesión, e Juanto, tocado, é reservado, o mar semellaba estar picado.

Enfronte, un clásico, o Milladoiro XL. Vellos coñecidos que levaban gañando no Son dous anos seguidos pola mínima. Travesía axitada en previsión.

Pero, ao pouco de botarse ao mar, a tripulación do CBPS demostrou que tiña o pé marino. Cun 7-3 de inicio colleron a cabeza e o vento a favor e xa nunca máis serían alcanzados.

Iso non quere dicir que todo foi vento en popa. A verdadeira vantaxe alcanzaríase no ecuador do segundo cuarto, cando Juan Filgueiras ordenou unha 1-3-1 presionante cando o marcador estaba 20-14.
Durante 9 ataques, o Milladoiro anotou tan són unha tripla, mentres os de verde roubaban e anotaban con facilidade. Foi un momento onde todos se vaciaron nun exercicio de solidaridade que rompeu o marcador. Ao final, chegouse ao descanso cun merecido 48-21.

Press, press, baby

A mar calma do descanso vén ben para repór forzas. Pero ten o perigo de desconectarte da dinámica na que estabas.
A volta dos vestuarios foi laboriosa, uns sonenses sen intensidade concedían rebotes ofensivos e perdían balóns cun suma facilidade. Por sorte, esta vez, o cruce desta tormenta en alta mar non tivo grandes consecuencias no marcador xa que o Milladoiro mostrouse especialmente desacertado en ataque. O terceito cuarto rematou cun 59 - 35 que daba marxe de maniobra.

Tras bronca do capitán, a tripulación volveu a meterse as pilas. O rival estaba fundido e unha nova 1-3-1 presionante, boa circulación do balón, orde, rapidez e intensidade fixo se entrase a porto a ritmo de crucero.

O mástil maior

Ao final, 70 - 42, primeira vitoria da tempada, anecdótico liderato, caderno de bitácoras en orde e moito que remar aínda. Pero non se pudo empezar mellor.

Oh Captain! My captain!

Grazas Balokofotografía polas fotos!
Parciais: 14-12; 24-9; 11-14; 21-7.
Xogaron: Chi, Alex, Beny, David, Serxio, Fernán, Toño, Baloco, Rubén, Pablo.