luns, 17 de outubro de 2016

HISTÓRICA VITORIA


Moita xente había neste serán do sábado nas gradas do Santa Irene. Xente do Son, xente de Ribeira, xente de Noia... de Noia? Pois claro! Era sábado de derbi entre o Fisioterapia Cinesia CBPS e o C.B. Noia!

Un derbi, pois, empezar esta histórica tempada 2016/17. Non había partido para empezar mellor. O equipo noiés chegaba coa vitola de favorito; a experiencia do seus xogadores en xogar xuntos, nesta categoría,  dáche unha vantaxe moi importante. 

Por parte dos nosos, aparte de que era o seu primeiro partido oficial, o equipo que dirixe Andrés Cadahía contaba coas baixas de Manu Castelao, Alfonso, Miguel Anxo, Roi e a de Iván a últísima hora.

Pero xa se sabe, os partidos hainos que xogar.
E dende o principio, víase que o partido ía estar moi competido, cada balón era disputadísimo, moitísimos contactos, as defensas impoñéndose aos ataques; un derbi, vamos.

Máxima concentración


Nestes dous primeiros cuartos, ningún dos equipos conseguiu sacar vantaxe importante. Chegouse ao descanso cun 27-26 para os locais que non facía máis que augurar unha segunda parte igualmente de intensa.
Ao principio deste segundo periodo, o oficio dos noieses empezou a deixarse notar; un parcial de 2-9 de inicio deulles unha vantaxe de 6 puntos que, sin parecer moito, ao visto do prezo da cada punto, era xa importante.

O guión da segunda parte parecía marcado por eses 6 puntos, co equipo local facendo a goma para intentar recuperar esa vantaxe dos visitantes que, invariablemente, lograban manter. Ao final do terceiro cuarto, 34 - 40.
E a tres minutos do final, unha tripla nosa que se sae, unha tripla noiesa que entra, vantaxe de 7 para os vistantes e partido que parecía caer definitivamente do lado dos azuis.

O que ocorreu nestes tres minutos xa entra dentre ese máxico mundo da épica deportiva. A defensa sonense, liderada por un Baloco Barkey monumental, un Pablo Mutombo e un Javier Rodman, secou literalmente o ataque dos rapaces de Queiro.

En ataque, unha tripla na esquina de David e dúas canastras seguidas de Pablo deixaban o partido empatado e o delirio nas gradas na entrada do derradeiro minuto.

Tras un tiro libre, o C.B. Noia retomaba vantaxe. E a 35 segundos do final, Fernán rompía a defensa nun 1x1 para deixar un marabilloso floater e darlle a vantaxe ao equipo sonense. Remontada completada.
O que pasou na últimas xogadas, foi máis propio do mundo da histeria que do mundo do baloncesto, pero nada mudou. Vitoria do Fisioterapia Cinesia CBPS de 1, nun derbi, no seu primeiro partido.

Grazas a Iannis, Baloco, Fernán, Pablo, David, Javier, Iván, Toño, André, Yago e Andrés por esta gran tarde de baloncesto. Queda moito, seguide currando e aprendendo como estades a facelo cada día, en cada entreno; este é o camiño.



Equipo.
Fotos do encontro