xoves, 15 de outubro de 2015

O PILLLADOS TIENDAS DE MODA CBPS INICIA A LIGA ESTE FIN DE SEMANA

Este domingo, ás 19h no Pavillón Santa Irene de Porto do Son, o equipo senior PILLLADOS TIENDAS DE MODA C.B. Porto do Son empeza a súa aventura ligueira.

Encadrados no grupo B da Terceira División do baloncesto autonómico, os sonenses debutarán contra o sempre potente LaSalle santiagués na súa cancha. Este partido servirá de indicativo sobre  o estado dun equipo que xogou a gran nivel os seus partidos de pretemporada.

Liderados dende o banco polo mítico Juan Filgueiras, o CBPS presenta un plantel moi renovado; para esta tempada o equipo poderá contar con verdadeiros mitos do baloncesto comarcal coma Roberto Rey, reuníndose así co seu irmá Marcos, e  Serxio, fillo pródigo sonense, que se unen a este proxecto tras estar varios anos a sentar cátedra no club veciño noiés.

A estas dúas importantes corporacións, súmanse a calidade de David procedente de Negreira, a potencia do franco-noiés Maki, a polivalencia dos tamén noieses Alvi e Chupa, a experiencia do santiagués Fran Ferraces, e a frescura dos xuvenís Pablo e José Baloko.

Estes homes  xuntaranse cos xa presentes a tempada pasada Beny, Chi, Marcos, Juan Bale, Bule e Pouso para formar unha mestura de veteranía e xuventude, calidade e garra que promete ofrecer grandes tardes de baloncesto.  E, por que non, acadar o obxectivo do que apenas se fala, o ascenso á categoría superior.

As expectativas para este ano son altas.